6 may 2013

Para dirixir ao PSdeG hai que ser Franco

Foto: Wikipedia

José Ramón Gómez Besteiro, presidente da Deputación de Lugo e candidato a substituír a Pachi Vázquez no PSdeG, ven de facer unhas, cando menos, curiosas declaracións na Cadena Ser, enmarcadas na súa campaña de promoción persoal dentro do partido.

Que hai que ser franco para dirixir ao PSdeG semella obvio. A franqueza dos líderes políticos debería ser unha propiedade natural de calquera individuo que dedique parte da súa vida a prestar un servizo á cidadanía. A pega é que tal e como está a sociedade hoxe en día non é doado atopar un cidadán, se cadra algún despistado, que aínda pense que a sinceridade é un valor para os socialistas, para os populares ou para o resto das forzas políticas. E magoa pero é a desafección a onde nos conduciu a endogamia partidista e a incapacidade de rexeneración. Nunca cambia nada porque, de igual xeito que fan no Vaticano para escoller novo Papa, nos partidos políticos sempre elixen os mesmos pontífices, sexa dun xeito ou doutro.

No caso do PSdeG, Besteiro quere convencernos que é un partido vertebrador da Galiza. Difícil de crer. Sobre todo cando ao mesmo tempo, no programa de TeleCinco "El Gran Debate" teñen de convidado ao ilustre socialista, ex alcalde da Coruña e ex embaixador no Vaticano Francisco Vázquez; pedindo un goberno de concentración PP-PSOE. E Paco Vázquez xa dixo a quen apoiaba na loita pola xefatura do PSdeG.

Un novo Partido Socialista de Galicia, con Besteiro á cabeza, se quere como pretende ser referente entre os galegos e as galegas tócalle facer moita limpeza nas súas filas. Dou por suposto que agardan ás eleccións municipais para empezar a esixir responsabilidades.

En calquera caso a vía para conectar co sector máis progresista da Galiza está moi lonxe porque pasa por unha estación que se chama galeguismo e xa fai tempo que o PSdeG non para nela.

No hay comentarios:

Publicar un comentario