11 may 2013

Por que os alcaldes non levan un L de prácticas?


Cada ver que boto unha ollada a unha folla parroquial do estilo "La Voz de Galicia" ou "El Progreso", ou nun contenedor de propaganda como "Crónica 3 A Mariña" convénzome moito máis de que os Concellos teñen que desaparecer como institución. Podería argumentar largo e tendido porque ningún Concello da Galiza debería existir xa que non representa a ningunha figura natural senón que son algo totalmente artificial e alleo, ao contrario da Parroquia Civil que si ten tradición, historia e representatividade lóxica.

Pero hoxe xa é noite é non quero entrar en como penso que tería que ser a división territorial do noso País. Máis ben vou quedar na anécdota. Nesa que soltan alcaldes e alcaldesas aos medios de comunicación pensando que acadaron un "éxito", véndeno como tal e, de seguro, dormen coa tranquilidade que supón ter un salario garantido aínda que sexas un inepto para xestionar os recursos que lles proporciona a veciñanza. Nestes tempos que vivimos ser un iletrado suma moitos puntos para exercer a política municipal, aínda que cheire mal.

A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez intenta despacharnos como unha gran fazaña que o seu Concello pechou o ano 2012 cun remanente positivo de 150.000 euros. E comenta: "...polo tanto o resultado deste presuposto do ano 2012 é unha boa nova para o Concello de Lourenzá por ter un remanente positivo. Isto quere dicir que os axustes que estamos aplicando desde o equipo de goberno, primeiro con Vidal Martínez-Sierra e despois comigo na alcaldía están dando resultado".

Será que vou vello, será que estudei por ciencias e ela por letras, será que vivimos en Oz. Poren que lle dean as voltas que queiran, nun concello como Lourenzá, coa industria do moble e da madeira en crise, con desemprego e con carencias manifestas rematar o exercicio 2012 cun remanente de 150.000 euros é sinal de que non se soubo xestionar os cartos dos veciños nin atender as súas necesidades.

Ese capital non pode estar en caixa municipal de ningún xeito, ten que estar investido en beneficio de quen o aportou. O que non sabe facer outra cousa co diñeiro alén de metelo debaixo do colchón que non presuma de bo xestor.

No hay comentarios:

Publicar un comentario