13 jun. 2013

Xebra. Centro Social de Burela

Por Marzo de 2013 un grupo de persoas da Mariña decidiu crear a Associaçom Cultural Xebra! para dar saída as súas inquedanzas sociais, culturais e políticas. O día 31 de Maio inauguraron o seu Centro Social en Burela, na rúa Leandro Curcuny 19, lugar onde antigamente asentábase o coñecido bar restaurante A Figueira.

Benvido, logo, Xebra. Un novo espazo libre de reunión de persoas, pensamentos e respostas. Un novo motor para A Mariña do presente cara ao futuro, un novo xeito de entender a cultura nesta comarca.

Un grao máis para a construción do noso País en búsqueda constante dun modelo de soberanía xurdido desde a base que nos axude a superar o Sistema inxusto onde estamos mergullados.

12 jun. 2013

Parroquias diocesanas de Barreiros en 1975. VIII. Vilamartín Pequeno.

Recollido da enciclopedia “Inventario Artístico de Lugo y su Provincia”, editado polo Servicio nacional de Información Artística, Arqueológica y Etnológica no ano 1975, baixo a dirección de Elias Valiña Sampedro, Nicanor Rielo Carballo, Santos San Cristobal Sebastián e José Manuel González Reboredo.

Continuación das anteriores entradas sobre o mesmo tema: Parroquia de San Cosme, Parroquia de San Pedro, Parroquia de Cabarcos, Parroquia de San Xusto, Parroquia de Celeiro, Parroquia de San Miguel e Parroquia de Reinante.

Pequena localidade que foi creada parroquia en 1895, reformándose daquela a capela que había para facela igrexa parroquial. Antes dependía de Fórnea e Cabarcos.

Igrexa parroquial.

A capela foi fundada no século XVII e o templo é de forma rectangular e espadana dun só corpo á que se sobe por escaleira exterior. No presbiterio retablo do século XIX, neoclásico, dun só corpo, co Martirio de San Xoán Bautista, o titular, con dúas figuras pintadas ao óleo. Virxe do Carme de vestir. Un San Antón, século XVII. Na sacristía un cáliz de prata, século XVIII. Cruz de metal procesional, século XVIII.

Máis información: As parroquias diocesanas no Barreiros de 1965.

Parroquias diocesanas de Barreiros en 1975. VII. Reinante.

Recollido da enciclopedia “Inventario Artístico de Lugo y su Provincia”, editado polo Servicio nacional de Información Artística, Arqueológica y Etnológica no ano 1975, baixo a dirección de Elias Valiña Sampedro, Nicanor Rielo Carballo, Santos San Cristobal Sebastián e José Manuel González Reboredo.

Continuación das anteriores entradas sobre o mesmo tema: Parroquia de San Cosme, Parroquia de San Pedro, Parroquia de Cabarcos, Parroquia de San Xusto, Parroquia de Celeiro e Parroquia de San Miguel.

Igrexa parroquial.

Parroquia creada en 1895 e nesa data ampliouse a antiga capela existente para que fose igrexa parroquial. Consta dun nave cuberta de madeira a dúas augas, arco triunfal de medio punto, capela maior e, á esquerda desta, a sacristía. Na fachada principal leva espadana de dous corpos, a que se sobe por escaleira exterior pegada ao muro esquerdo da nave. Retablo maior moderno con imaxe de Santiago a cabalo, policromada, século XVIII.

Máis información: As parroquias diocesanas no Barreiros de 1965.

11 jun. 2013

O Borbón pequeno apoia a Silestone fronte ao granito galego

Foto: Cocina Integral
Contaba César Portela, cando fixo o cemiterio de Fisterra, que utilizou o granito porque á mica cando lle dá o sol brilla coma as estrelas. Galiza é un país feito de pedra, un país de granito. Cun sector dedicado á extracción e a elaboración de granitos con serias dificultades e que sobrevive grazas ás exportacións. A defensa da competitividade, a dinamización e o fomento de políticas axeitadas para incrementar o consumo de granito galego no mercado interior e no español debería ser unha tarefa urxente da Xunta.

Mais non che van por aí os tiros. O Borbón Felipe, o ministro de industria José Manuel Soria e o Presidente andaluz, o socialista José Antonio Griñán, amosaron este luns o seu apoio a Silestone inaugurando unha nova factoría dedicada á fabricación de sucedáneos do granito. Como desculpa para tan ilustres personalidades indicar que, para os seus traxes e garabatas, a foto queda máis bonita na moderna fábrica que nunha canteira do Porriño.

De tódolos xeitos non te deixes enganar por tendencias de revistas pagadas polos anunciantes. Na túa cociña, na túa casa e na túa tumba segue a apostar polo granito galego.

10 jun. 2013

La Voz de Galicia contra a LNB

Rigor xornalístico, credibilidade, imparcialidade, investigación … non van con La Voz de Galicia. Xa fai anos que desconfío da veracidade de todo o que publican, incluído as esquelas. Non gosto sequera de facer comentarios desta folla parroquial. Mais este sábado, os xuntadores de palabras Rodri García e Marta Otero abriron a portada do suplemento “Culturas” (?) cunha (des)informaciónón de tal magnitude que me vou permitir contestar deste este o meu espazo, porque me peta e me dá a gana.

Portada e páxinas 2 e 3 para escribir sobre os Xogos Populares na Galiza e a súa recuperación. Propaganda barata do libro de Xerais “Trastarabás” (80€) e visión parcial desde os ollos de Paco Veiga. Seica o xogo tradicional mantense vivo no País grazas a labor “de colectivos responsables” que “serían os clubs de chave e bolos”, “aos Concellos” e a “moitos centros educativos da Galiza que traballan nesta recuperación”. Os xornalistas entran tamén na “estratexia” de propoñer “os xogos tradicionais como unha alternativa aos deberes” escolares. O que lido doutro xeito ven dicir: creemos uns cantos postos de traballo para uns cantos colegas que, a conta do erario público, expliquen aos cativos en que consisten. Teórica 1, Práctica 0.

A miopía, quero entender que motivada por certos desencontros, de La Voz de Galicia é tal que pensa que se pode falar de recuperar xogos tradicionais ignorando á Liga Nacional de Billarda. Camiño de 10 anos de traballo, con máis de 2.000 xogadores que pasaron pola LNB, espallado o deporte de norte a sur da Galiza, sen ningunha subvención pública, ignorar a faena feita desde ACD O Varal é de indocumentados.

Por certo, unha sinxela consulta na Wikipedia daría como resultado: "In Galicia there is one league called Liga Nacional de Billarda."

En fin, parabéns a La Voz de Galicia. Un paso máis cara ao averno.

9 jun. 2013

Parroquias diocesanas de Barreiros en 1975. VI. San Miguel.

Recollido da enciclopedia “Inventario Artístico de Lugo y su Provincia”, editado polo Servicio nacional de Información Artística, Arqueológica y Etnológica no ano 1975, baixo a dirección de Elias Valiña Sampedro, Nicanor Rielo Carballo, Santos San Cristobal Sebastián e José Manuel González Reboredo.

Continuación das anteriores entradas sobre o mesmo tema: Parroquia de San Cosme, Parroquia de San Pedro, Parroquia de Cabarcos, Parroquia de San Xusto e Parroquia de Celeiro.

Igrexa parroquial.

Consta dunha nave con cruceiro e sacristía de dúas plantas detrás da capela maior. Ante a fachada principal, unha torre de dous corpos e espadana dun só corpo, esta sobre o muro de fronte da sacristía. Sobre a porta principal, lápida de dedicación. Retablo maior de principios de século con imaxe de Santiago a cabalo, con figura deitada ao pé, século XVIII. Retablo dereito, barroco de tres corpos con estípites e imaxes de San Xosé, San Ramón Nonnato, San Miguel, Santa Ana e San Isidro Labrador, todas do século XVIII. Retablo esquerdo, barroco de dous corpos e estípites, imaxes de San Xosé, popular do século XVII, San Roque, popular, O Salvador, século XVI; San Sebastián, século XVIII, e o Santo Apóstolo, de bo estofado, século XVIII. No brazo dereito do cruceiro, lápida de pedra con inscrición.

Sacristía.
Cruz parroquial de prata cicelada con debuxos de cabuxóns e no reverso San Miguel, de finais do século XVII. Imaxes de San Pedro e San Paulo, do século XVIII, de carácter moi rexional, pintadas ao óleo. San Sebastián, popular. San Roque, popular. Virxe do século XVIII, talla imitando imaxe vestida. Santiago peregrino. Inmaculada popular de bicar. Cristo do século XIX. Cáliz de prata sobredourada e cicelada, de finais do século XVII e inscrición: “Diole de limosna a la iglesia parroquial de San Miguel de Reinante don Felipe de O Rego Soto”. Cáliz moderno, de prata sobredourada. Reloxo de péndola real, século XIX. Custodia de prata sobredourada, pé rococó, e para alta con anxos e raios. Cáliz renacentista, de prata.


Capela de Santo Estevo.

No lugar da Barranca, con pórtico rústico, pequena espadana dun só vano, nave cuberta de madeira a dúas augas, arco triunfal lixeiramente apuntado e capela maior cadrada. Retablo dun só corpo, plateresco, popular, repintado, con tres nichos recompostos, con Santo Estevo no centro, de principios do século XVIII, con dalmática e un escrito en latín na mesma. Aos lados, Inmaculada popular, século XVII, sobre media lúa e cabeza de anxo; e San Rosendo, popular. Cruz procesional de metal, lisa, século XVIII, con Inmaculada no reverso. Imaxe popular de Santo Estevo de bicar.

Casas con escudo nos barrios de Outeiro, Pumarín e Pumarrubin. Ruínas dunha capela. Dúas mámoas.

Máis información: As parroquias diocesanas no Barreiros de 1965.

8 jun. 2013

Outlet do Libro Galego no Museo de Lugo

Hoxe comezou na cidade amurallada a Outlet do Libro Galego que se celebra na sala de exposicións do Museo de Lugo entre o 8 e o 16 deste mes. O horario é de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas, agás os domingos, que a institución museística pecha polas tardes.

O prezo estabelecido para os libros fondo de catálogo das editoras son de 3 euros por exemplar, 5 euros mercando 2 exemplares e 10 euros por 5 exemplares.

3 jun. 2013

Gastronomía con sabor a morte

Fai moito, moito tempo neste País o sacauntos asustaba aos cativos polas noites. Mais todo renóvase e temos que ir adaptándonos. Agora o Presidente Feijóo e a súa Conselleira do Mar interior decidiron xubilar ao sacauntos. A partir de agora vaise ser o Mar o que mete o medo no corpo a crianzas e maiores. Todos coñecen a inmensidade dos océanos pero poucos sabían do perigoso que é o mar nas costas da Galiza. Nenas, nenos, señoras, indíxenas do interior, galego practicantes,  humanos en xeral, alieníxenas e bípedes políticos: non vos acheguedes ás praias galegas polo que poida pasar.

2 jun. 2013

Parroquias diocesanas de Barreiros en 1975. V. Celeiro.

 Santa Cristina. Foto: Benquerencia.info
Recollido da enciclopedia “Inventario Artístico de Lugo y su Provincia”, editado polo Servicio nacional de Información Artística, Arqueológica y Etnológica no ano 1975, baixo a dirección de Elias Valiña Sampedro, Nicanor Rielo Carballo, Santos San Cristobal Sebastián e José Manuel González Reboredo.

Continuación das anteriores entradas sobre o mesmo tema: Parroquia de San Cosme, Parroquia de San Pedro, Parroquia de San Xulián e Parroquia de San Xusto.

Igrexa Parroquial de Santa Cristina.

Construída no 1705 sobre outra anterior, da que só queda a capela lateral esquerda. Unha nave con cuberta moderna, arco triunfal, capela maior a catro augas, tamén con teito moderno e sacristía detrás. Na nave hai dous arcos de medio punto que dan paso a dúas capelas laterais. Pórtico rústico á dereita do templo e locais á esquerda. Fachada principal con arco de medio punto de grandes doelas, encima pequeno nicho baleiro en forma de concha, e aos lados dúas lápidas alusivas á fundación do templo. Espadana dun só corpo con dous vanos e rematada con frontón triangular, en cuxo tímpano ábrese outro oco. Sóbese a ela por escaleira exterior. Teito moderno e pavimento moderno na capela maior. Pavimento da nave de lastras do país con pequenos buratos para ser erguidas antigamente nos enterramentos.

Presbiterio.
Retablo maior do século XVIII, dous corpos en tonalidades azuis, grises e bo dourado. Ambos corpos levan dúas columnas salomónicas e dous estípites. No primeiro corpo, sagrario con catro estípites e anxo na porta, e encima expositor con semicúpula. Aos lados, San Antón e San Roque, ambos populares. O segundo corpo leva Santa Cristina, de bo estofado, século XVIII, San Xosé, século XVII, e San Xoán Bautista, século XVIII. Coroa o retablo busto do Pai Eterno, con bola do mundo sobre tres anxos. Mesa do altar con cordobán do século XVIII, con debuxo de grutescos e tonalidades douradas, azuis e vermellas.

Capela lateral dereita.
Teito moderno. Retablo moderno sen valor con Virxe de vestir, e Neno Xesús de Praga e Santa Tareixa, modernas.

Capela lateral esquerda.
Bóveda do século XVI de catro nervios e mampostería encalada. Retablo xónico moderno dun corpo, con cruz sen Cristo e dúas imaxes de vestir.

Muros da nave.
Cristo, século XVIII. Dous camaríns modernos con tallas de principio deste século.

Sacristía.
Cristo popular, século XVII. Cáliz, século XVII, de pé, con grutescos barrocos, Cruz procesional, século XVII, prata repuxada con debuxo de grutescos e bolas nos extremos. No anverso Cristo sobredourado e no reverso San Pedro, tamén sobredourado.


San Caetano. Foto: Hotel Ría do Masma
Capela de San Caetano.

Situada no lugar do mesmo nome, nun altiño que domina o val do río Masma, importante coto de salmóns. A capela foi centro dun poboado de casas xa case desaparecido, e alí situouse o Concello de Barreiros, e incluso celebrábanse feiras. O edificio ten unha nave cuberta de madeira con arco triunfal e típico pavimento de antigas baldosas vermellas. A fachada principal, de pedra calcaria labrada, leva arco de medio punto con porta de casetóns e espadana dun só vano. Sacristía detrás do presbiterio. Ventás con sinxelas rexas de ferro. Pila de auga bendita á entrada.

Presbiterio.
Retablo maior de finais do século XVII, de dous corpos, dourado e policromado. No primeiro corpo, camarín posterior con Virxe de vestir sobre pedestal de tres anxos, e aos lados Santa Tareixa e Santa Escolástica, ambas de bo estofado. Sobre estes nichos dous relevos representando o bautismo de Cristo e o sacrificio de Isaac. O segundo corpo leva Santo Bispo de talla boa, barroca, e aos lados Cristo atado á columna e San Xosé, do século XVII. Nos extremos, escudos dos fundadores da capela. Mascaróns aos lados da mesa de altar.

Retablos colaterais.
Colocados formando esquina aos lados do arco triunfal, son iguais, barrocos, sen columnas e con bo tallado dourado sobre fondo branco. No colateral dereito, San Bernardo con cugula monacal, e aos lados dous monxes con cugula igualmente, sostendo un a mitra nas mans. O retablo colateral esquerdo leva San Caetano repintado e San Caetano popular, e anxos de corpo enteiro aos lados. Ambos retablos laterais levan frontais con pintura barroca rexional e tódalas súas imaxes son do século XVIII.

Sacristía.
Curioso púlpito de forma hexagonal, con taboleiro tallados en grutescos e pintados. Celébrase romaría popular o 7 de agosto.

Cemiterio antigo.

Estivo situado xunto á igrexa parroquial e nun muro que aínda queda hai lápida de lousa de 0,72 x 0,80. Nela lese: “Santa y saludable es la memoria de los difuntos y el pedir a Dios que sus pecados les sean perdonados. L. Macb., c.XII”. Esta pedra pertence ao século XVIII.

Casa do Barral.

Estivo situada no barrio do mesmo nome e tivo casa señorial demolida recentemente. Dela queda o escudo na edificación actual. "Cuartelado". No primeiro dous cipreses, no segundo castelo e ciprés, no terceiro castelo de dúas ameas e no cuarto xadrez. Vai sen timbrar. Xunto á casa estivo a capela de Santa Clara, tamén desaparecida.
Antigas escolas de Celeiro. Foto: LNB

Casa señorial de San Caetano.

Situada no barrio do mesmo nome, cerca da capela. Portada de arco de lousa e fachada de pedra tallada con escudo "cuartelado". No primeiro dragantes, no segundo e terceiro aguias coroadas, e no cuarto castelo de tres torres. Rodeado de follaxe, cruz e sen timbrar, data 1700.


Outros recordos.

Capela desaparecida de San Isidro no barrio do Carballo Branco.

Arqueoloxía.

Castro intacto no sitio chamado “Los Castros”.

Antiga Casa Consistorial.

Situada no barrio de San Caetano, é curiosa construción de pedra típica balconada e gran cheminea.

Máis información: As parroquias diocesanas no Barreiros de 1965.