2 jun 2013

Parroquias diocesanas de Barreiros en 1975. V. Celeiro.

 Santa Cristina. Foto: Benquerencia.info
Recollido da enciclopedia “Inventario Artístico de Lugo y su Provincia”, editado polo Servicio nacional de Información Artística, Arqueológica y Etnológica no ano 1975, baixo a dirección de Elias Valiña Sampedro, Nicanor Rielo Carballo, Santos San Cristobal Sebastián e José Manuel González Reboredo.

Continuación das anteriores entradas sobre o mesmo tema: Parroquia de San Cosme, Parroquia de San Pedro, Parroquia de San Xulián e Parroquia de San Xusto.

Igrexa Parroquial de Santa Cristina.

Construída no 1705 sobre outra anterior, da que só queda a capela lateral esquerda. Unha nave con cuberta moderna, arco triunfal, capela maior a catro augas, tamén con teito moderno e sacristía detrás. Na nave hai dous arcos de medio punto que dan paso a dúas capelas laterais. Pórtico rústico á dereita do templo e locais á esquerda. Fachada principal con arco de medio punto de grandes doelas, encima pequeno nicho baleiro en forma de concha, e aos lados dúas lápidas alusivas á fundación do templo. Espadana dun só corpo con dous vanos e rematada con frontón triangular, en cuxo tímpano ábrese outro oco. Sóbese a ela por escaleira exterior. Teito moderno e pavimento moderno na capela maior. Pavimento da nave de lastras do país con pequenos buratos para ser erguidas antigamente nos enterramentos.

Presbiterio.
Retablo maior do século XVIII, dous corpos en tonalidades azuis, grises e bo dourado. Ambos corpos levan dúas columnas salomónicas e dous estípites. No primeiro corpo, sagrario con catro estípites e anxo na porta, e encima expositor con semicúpula. Aos lados, San Antón e San Roque, ambos populares. O segundo corpo leva Santa Cristina, de bo estofado, século XVIII, San Xosé, século XVII, e San Xoán Bautista, século XVIII. Coroa o retablo busto do Pai Eterno, con bola do mundo sobre tres anxos. Mesa do altar con cordobán do século XVIII, con debuxo de grutescos e tonalidades douradas, azuis e vermellas.

Capela lateral dereita.
Teito moderno. Retablo moderno sen valor con Virxe de vestir, e Neno Xesús de Praga e Santa Tareixa, modernas.

Capela lateral esquerda.
Bóveda do século XVI de catro nervios e mampostería encalada. Retablo xónico moderno dun corpo, con cruz sen Cristo e dúas imaxes de vestir.

Muros da nave.
Cristo, século XVIII. Dous camaríns modernos con tallas de principio deste século.

Sacristía.
Cristo popular, século XVII. Cáliz, século XVII, de pé, con grutescos barrocos, Cruz procesional, século XVII, prata repuxada con debuxo de grutescos e bolas nos extremos. No anverso Cristo sobredourado e no reverso San Pedro, tamén sobredourado.


San Caetano. Foto: Hotel Ría do Masma
Capela de San Caetano.

Situada no lugar do mesmo nome, nun altiño que domina o val do río Masma, importante coto de salmóns. A capela foi centro dun poboado de casas xa case desaparecido, e alí situouse o Concello de Barreiros, e incluso celebrábanse feiras. O edificio ten unha nave cuberta de madeira con arco triunfal e típico pavimento de antigas baldosas vermellas. A fachada principal, de pedra calcaria labrada, leva arco de medio punto con porta de casetóns e espadana dun só vano. Sacristía detrás do presbiterio. Ventás con sinxelas rexas de ferro. Pila de auga bendita á entrada.

Presbiterio.
Retablo maior de finais do século XVII, de dous corpos, dourado e policromado. No primeiro corpo, camarín posterior con Virxe de vestir sobre pedestal de tres anxos, e aos lados Santa Tareixa e Santa Escolástica, ambas de bo estofado. Sobre estes nichos dous relevos representando o bautismo de Cristo e o sacrificio de Isaac. O segundo corpo leva Santo Bispo de talla boa, barroca, e aos lados Cristo atado á columna e San Xosé, do século XVII. Nos extremos, escudos dos fundadores da capela. Mascaróns aos lados da mesa de altar.

Retablos colaterais.
Colocados formando esquina aos lados do arco triunfal, son iguais, barrocos, sen columnas e con bo tallado dourado sobre fondo branco. No colateral dereito, San Bernardo con cugula monacal, e aos lados dous monxes con cugula igualmente, sostendo un a mitra nas mans. O retablo colateral esquerdo leva San Caetano repintado e San Caetano popular, e anxos de corpo enteiro aos lados. Ambos retablos laterais levan frontais con pintura barroca rexional e tódalas súas imaxes son do século XVIII.

Sacristía.
Curioso púlpito de forma hexagonal, con taboleiro tallados en grutescos e pintados. Celébrase romaría popular o 7 de agosto.

Cemiterio antigo.

Estivo situado xunto á igrexa parroquial e nun muro que aínda queda hai lápida de lousa de 0,72 x 0,80. Nela lese: “Santa y saludable es la memoria de los difuntos y el pedir a Dios que sus pecados les sean perdonados. L. Macb., c.XII”. Esta pedra pertence ao século XVIII.

Casa do Barral.

Estivo situada no barrio do mesmo nome e tivo casa señorial demolida recentemente. Dela queda o escudo na edificación actual. "Cuartelado". No primeiro dous cipreses, no segundo castelo e ciprés, no terceiro castelo de dúas ameas e no cuarto xadrez. Vai sen timbrar. Xunto á casa estivo a capela de Santa Clara, tamén desaparecida.
Antigas escolas de Celeiro. Foto: LNB

Casa señorial de San Caetano.

Situada no barrio do mesmo nome, cerca da capela. Portada de arco de lousa e fachada de pedra tallada con escudo "cuartelado". No primeiro dragantes, no segundo e terceiro aguias coroadas, e no cuarto castelo de tres torres. Rodeado de follaxe, cruz e sen timbrar, data 1700.


Outros recordos.

Capela desaparecida de San Isidro no barrio do Carballo Branco.

Arqueoloxía.

Castro intacto no sitio chamado “Los Castros”.

Antiga Casa Consistorial.

Situada no barrio de San Caetano, é curiosa construción de pedra típica balconada e gran cheminea.

Máis información: As parroquias diocesanas no Barreiros de 1965.

No hay comentarios:

Publicar un comentario