28 jul. 2013

Convoi de ferro e morte

Moita dor, inmensa e sen esquecemento, nos deixou o maldito tren de Santiago. Un convoi de ferro e morte que tinguiu de sangue o País, un dardo aseteado ao noso corazón que matou, rompeu familias, rachou soños,

Non estou pola labor de adiantarme aos acontecementos. Non sei o que pasou mais esixo o dereito a coñecer a verdade verdadeira. Non quero linchamentos públicos dun maquinista que, se cadra, tivo un erro humano poren semella ilóxico facelo único culpábel dun sinistro nunha infraestrutura que esta ministra de Fomento e o seu antecesor nos venderon coa solvencia da seguridade por bandeira.

Nun accidente deste tipo o que se bota en falta é o sentido da responsabilidade en moitos elementos. Sobre todo en Renfe, Adif e no Ministerio de Fomento. Nalgún despacho cando menos xa debería haber varias cartas solicitando a dimisión. Poren xa sabemos que non vai acontecer porque a eles, ao Capital, no fondo non lles importa moito a perda de vidas humanas. É un feito que se repite ao longo da historia.

Mención especial lévaa o xornal "La Voz de Galicia". Unha vez máis demostraron que clase de medio son. Carneiros con portadas e titulares indecentes. Creo que non son o único que agarda unhas desculpas públicas, que non chegarán, do rotativo coruñés.

Cando vin a Feijóo, a primeira vez, na TVG crin nas súas bagoas. Non me pareceron ficticias coma as de Samuel Juárez ou as de Rueda. Por iso este é o momento de explicarlle aos miles de votantes e simpatizantes do PPdeG, que tamén choran de dor, rabia e impotencia, que temos estas infraestruturas porque somos unha colonia. Si o PPdeG non acatase de xeonllos o ditado proposto desde Madrid este País cambiaría. Iso está nas mans da vontade do partido que nos goberna. Na nosa, de momento, intentar convencelos.


24 jul. 2013

O Concello de Compostela nega o permiso para o Aberto da LNB

O Concello de Santiago de Compostela, a través do seu Departamento de Deportes, ven de negarlle o permiso á Liga Nacional de Billarda (LNB) para o Aberto de Billarda en Belvís.

A solicitude presentouse para ocupar o campo de fútbol número 8 e a negativa, copia que teño no meu poder, di textualmente: "consideramos que a superficie sintética non é a adecuada para este tipo de deporte".

Ben. Primeiro, moitas grazas ao Concello de Compostela por, chegado o momento, pronunciarse e apoiarnos na nosa reivindicación de DEPORTE para a Billarda LNB. Algo que aínda non teñen moi claro os que o seguen a confundir cun xogo tradicional.

Segundo. Por suposto que a herba artificial é apta para xogar á Billarda. De feito non sería a primeira nin vai ser a última vez que se disputa torneos sobre estas superficies.

Terceiro. Diga o que digo o Concello de Compostela, a LNB mantén a súa convocatoria para o Aberto en Belvís. Chegado o momento, e dado que a instalación número 8 vai estar pechada, optaremos por un lugar alternativo.

Cuarto. A título persoal. Ao meu parecer isto é un autentico despropósito do Concello compostelán que, seica, parécelle perigosas as actividades que non son capaces de controlar.

Adiante coa Billarda!

Vémonos en Belvís!

21 jul. 2013

Celso Dourado, dinamizando a cultura en Barreiros

A Cultura desde tempos históricos sempre foi esquecida nas políticas municipais de Barreiros. Agora aínda máis. Non cabe desculpas de crise para fomentar programas culturais desde o Concello porque non se precisa un investimento cuantioso, tan só vontade. A Cultura enxendra progreso e a súa falta decadencia. Tamén xera liberdade para pensar e, se cadra, ese é o medo do goberno municipal barreirense.

De tódolos xeitos o asociacionismo neste concello ten raíces profundas. Son moitos os exemplos, mais hoxe só vou indicar o proxecto que o artista Celso Dourado autoxestiona, para os meses de Xullo e Agosto, desde o Cámping Gaivota e desde Eido Dourado.

Ollade para os carteis, aplaudide a Celso Dourado e felicitémonos todos por ter unha programación de luxo para todo o estío.


19 jul. 2013

Traballo decente para a xuventude

"Traballo decente para a xuventude" é unha plataforma creada pola Organización Internacional do Traballo (OIT) co ánimo de pór en contacto a persoas e institucións que traballan neste eido.

O enlace á páxina principal AQUÍ.

O enlace á páxina na lingua veciña AQUÍ.

17 jul. 2013

Sobre Barreiros, o urbanismo e Ana Pontón

O BNG de Barreiros convoca aos veciños para este xoves a unha xuntanza no Centro Sociocultural (?) de San Cosme. O tema a tratar é "O urbanismo en Barreiros, un pelotazo á medida do PP" que desenvolverán con soltura e sen caer en tópicos Belén Fernández, responsábel (con tilde) do BNG local, Ana Ermida, portavoz municipal, Antonio Veiga, concelleiro, e Ana Pontón, deputada do Bloque no Parlamento nacional.

Agás á última, Ana Pontón, que só coñezo polos medios e que por sorte ou desgraza non coincido de xeito habitual cos seus plantexamentos, aos demais os considero amigos. Poren desta están confusos ou errados. O pelotazo urbanístico barreirense non foi á medida do Partido Popular senón que foi deseñado á medida de moitos veciños e veciñas que aproveitaron a conxuntura para facer peto cegados pola avaricia e os billetes de 500 ouros. Todo con independencia da ideoloxía política que practicasen, fose esta afín ao PP, ao PSOE, ao BNG ou a Falange Española de las JONS.

Ana Pontón poder vir visitarnos e misar, con coñecemento de causa ou sen el, pero o seu discurso verquerase sobre ovellas acostumadas a dicir "be" cegado o seu raciocinio pola súa militancia.

En Barreiros, uns máis outros menos, todos e todas somos cómplices da destrución deste Concello. Non hai inocentes.

13 jul. 2013

III Certame fotográfico Enfocando Barreiros

O Colectivo Cultural Ollomao convoca a terceira edición do Certame fotográfico "Enfocando Barreiros", nesta ocasión, co tema "O rural no obxectivo". Esta actividade encóntrase vencellada á liña de traballo que o Colectivo elixiu para o ano 2013: “O RURAL BARREIRENSE”. Esta elección non é casual para o Colectivo Cultural Ollomao xa que dende a súa fundación vén promovendo actividades de cara a pór en valor e dar a coñecer o interior do concello barreirense.




As bases AQUÍ

7 jul. 2013

Snowden, o home que nos ensina o terrorismo dos EUA e da UE

No ano 2009 o Comité Nobel da Noruega concedeulle o Premio Nobel da Paz ao presidente Barack Obama "polos seus extraordinarios esforzos para fortalecer a diplomacia e a colaboración entre pobos". O pasado ano, o galardón recibiuno a Unión Europea "pola súa contribución durante seis décadas ao avance da paz e a reconciliación, a democracia, e os dereitos humanos en Europa".

Visto o visto, é doado deducir que a comisión que escolleu a tales personaxes deixase levar pola inxestión masiva de vodka nas rúas de Oslo. Un veciño meu ten un can de palleiro, Willi, que traballa máis pola fraternidade ca UE e Obama xuntos, é dicir, ao meu parecer, é máis digno merecedor dos 10 millóns de coroas suecas.

O acontecido con Edward Snowden e co presidente Evo Morales destapa a máscara que tapa a falacia de liberdade e democracia europea e ianqui. Actuacións desta catadura son propias de terroristas aínda que estes se disfracen de estados. Se no asunto Snowden e Morales os antagonistas fosen Cuba e/ou Venezuela ardería Troia. Pero como non é o caso, non pasa ren. 

Cando o terrorismo practícase desde os EUA e desde a UE seica é polo ben do rabaño de ovellas en que nos transformou o Sistema.


6 jul. 2013

MéteoBarreiros

O tempo en Barreiros sen axuda do Pemán.

Cousa bonita que aprendín onte.

Néboa en Penabor,
mal día ao redor.
Néboa en Comado,
amencer mollado.
Néboa en Cornería,
choiva ao outro día.