28 jul. 2013

Convoi de ferro e morte

Moita dor, inmensa e sen esquecemento, nos deixou o maldito tren de Santiago. Un convoi de ferro e morte que tinguiu de sangue o País, un dardo aseteado ao noso corazón que matou, rompeu familias, rachou soños,

Non estou pola labor de adiantarme aos acontecementos. Non sei o que pasou mais esixo o dereito a coñecer a verdade verdadeira. Non quero linchamentos públicos dun maquinista que, se cadra, tivo un erro humano poren semella ilóxico facelo único culpábel dun sinistro nunha infraestrutura que esta ministra de Fomento e o seu antecesor nos venderon coa solvencia da seguridade por bandeira.

Nun accidente deste tipo o que se bota en falta é o sentido da responsabilidade en moitos elementos. Sobre todo en Renfe, Adif e no Ministerio de Fomento. Nalgún despacho cando menos xa debería haber varias cartas solicitando a dimisión. Poren xa sabemos que non vai acontecer porque a eles, ao Capital, no fondo non lles importa moito a perda de vidas humanas. É un feito que se repite ao longo da historia.

Mención especial lévaa o xornal "La Voz de Galicia". Unha vez máis demostraron que clase de medio son. Carneiros con portadas e titulares indecentes. Creo que non son o único que agarda unhas desculpas públicas, que non chegarán, do rotativo coruñés.

Cando vin a Feijóo, a primeira vez, na TVG crin nas súas bagoas. Non me pareceron ficticias coma as de Samuel Juárez ou as de Rueda. Por iso este é o momento de explicarlle aos miles de votantes e simpatizantes do PPdeG, que tamén choran de dor, rabia e impotencia, que temos estas infraestruturas porque somos unha colonia. Si o PPdeG non acatase de xeonllos o ditado proposto desde Madrid este País cambiaría. Iso está nas mans da vontade do partido que nos goberna. Na nosa, de momento, intentar convencelos.


No hay comentarios:

Publicar un comentario