27 ago. 2013

A Pastoriza e Meira: Rock, billarda e olimpíadas rurais

Fin de semana para o éxtase en dous concellos veciños: A Pastoriza e Meira.

A xornada empeza xa o venres, na Taberna O Cruceiro da Pastoriza, da man de ExTensión Agraria. Aló polas 23:30h o rock máis indíxena, o rock de demolición para a construción dunha nova realidade petara, atronará, a noite desta terra de xentes que non se axeonllan.

E logo de acabar o concerto, a uns poucos kms. a Asociación M de Meira xa ten lista as II Olimpíadas Rurais. Darán comezo ás 12 da mañá con Bolos Celtas e Fútbol Gaélico. Pola tarde, a partir das 16H, Aberto de Billarda, Tiro de Corda, Lanzamento de Colmeira e Empuxar o rolo de herba.

Haberá máis xogos tradicionais da man de Xotramu de Muimenta.

Se aínda non morriches de aquí a venres, vai planificando xa a túa fin de semana.




20 ago. 2013

Cheira mal, cheira mal a política provincial

Levamos unha tempada axitada na política lucense. O PPdeG acusa acotío ao BNG de desviar fondos da Deputación de Lugo para pagar salarios a persoas que só se dedican a traballar para o partido. O BNG, como corresponde en calquera forza colaboradora do Sistema, procede ao día seguinte a desmentir con vaguidades ao estilo "ti máis".

Non sei quen está en posesión da verdade. Nin o vou a aprender xamais. Todo forma parte da mesma estratexia a que xogan os partidos que están no poder ou os que aspiran a estalo. 

O que fai fatal o BNG é defenderse acusando. Proba de mala asesoría ou de intentar dirixirse só a un grupo de posibles votantes que creen a súa palabra como se fose un dogma de fe.

Para convencer aos que temos un mínimo de raciocinio, aínda que sexa primitivo, quero entender que existen probas documentais que desmonten as afirmacións que se fan desde o PPdeG. Si é así, nada máis doado que guindalas nunha páxina web para que os paspáns coma min caian da burra.


14 ago. 2013

O Ouro de Salave: minaría e resistencia

Fai poucos días falaba aquí do compromiso de moita xente, dunha banda e doutra da ría que separa Galiza e Asturias, na loita contra minaría do ouro a ceo aberto. Non só temos o caso tan espallado polas redes galegas como é o de Corcoesto senón que na Mariña luguesa aféctanos de xeito moi directo o que acontece en Tapia de Casariego.

Pois ben, logo de saír o proxecto fotográfico de Delmi Álvarez "In the name of Gold" (con imaxes de Tapia e Corcoesto), a editorial Cambalache acaba de publicar o libro "El oro de Salave: Minería, especulación y resistencias".

O libro máis un DVD co documental "El oro de Salave" de Jose Alberto Álvarez pódese mercar aquí.

Tamén se pode descargar de balde o texto aquí.

13 ago. 2013

Agárkov: referente indíxena contra a banca

Moito levamos aprendido dos rusos. E o que nos queda aínda.

Vivimos nunha falsa democracia onde o sistema financeiro é o dono absoluto de todo. Aniquilada a economía produtiva só queda, para sobrevivir, pedir permiso aos banqueiros ou emprender un xiro cara a un modelo revolucionario, demócrata e socialmente xusto.

Davide contra Goliath?

Pode. Mais o indíxena Dmitri Agárkov pensou que podía ganar a batalla contra o poderoso Tinkoff Credit Bank Systems (TKS). No ano 2008 o TKS ofreceulle a Agárkov un contrato para unha tarxeta de crédito, en teoría inocente, mais (ao contrario do que facemos os de por aquí) parouse a ler a "letra pequena" e percatouse do abuso:

- "Si os banqueiros tómanos por imbéciles, por que non podemos facer nos o mesmo?"

Non dubidou o avispado cidadán en cambiar as condicións do contrato e, curiosamente, foi nesta ocasión o Banco o que non leu a "letra pequena".

O resultado: o TSK débelle a Agárkov 727.000 dólares.

11 ago. 2013

XVIII Festa da Tortilla de Celeiro de Mariñaos

A próxima fin de semana celebrarase o tradicional Romaxe de San Caetano e a XVIII Festa da Tortilla de Celeiro. A parte musical corre a cargo de Madia Leva de Sarria, Residuos Atractiv@s e Tumba e Dálle, entre outos.


9 ago. 2013

Devolvede España a Xibraltar

Non é doado de comprender o fanatismo dos españois polo que eles chaman "unidade nacional". Todo o lío mediático que teñen montado ao redor de Xibraltar só serve para desviar a atención sobre graves problemas que afectan á cidadanía e que o goberno español nin sabe nin quere resolver.

Nada perdura na eternidade. Non o fixo o Imperio Español e tampouco o vai facer o Estado español tal e como o coñecemos. A decisión de pertenza é soberana e só compete aos cidadán que habitan nun determinado territorio.

No caso de Xibraltar, por moitas películas que nos queira contar a dereita e a esquerda españolista, a decisión final estará nas mans dos que viven no "Peñón". Niso os británicos son un chisco máis civilizados.

Agora se tanto se fían da suposta "españolidade" dos concellos e comarcas andaluzas fronteirizas con Xibraltar, por que non fan un referendum para comprobar si queren seguir no Estado que preside Mariano Rajoy ou prefiren ser súbditos de Isabel II.

8 ago. 2013

Blade, o FMI e Olli Rehn

Desde a primeira entrega da saga Blade, teño que confesar a miña devoción polo personaxe interpretado por Wesley Snipes. A súa titánica loita contra o "Consello das Sombras" dos vampiros é un produto saído da fantasía de Marvel Cómics. Ou se cadra non é tal ilusión.

O "Consello das Sombras" existe e faise chamar publicamente FMI. Aí é onde se xuntan os vampiros dispostos a chuparnos ata a derradeira pinga de sangue. Do mesmo xeito que acontece en Blade, teñen os seus propios lacaios espallados por todo o mundo. Na Europa reúnense na coñecida como Comisión Europea e falan pola satánica boca de Olli Rehn. Este lacaio aspirante a vampiro dá as ordes pertinentes para atacar a poboacións enteiras, tal e como está a pasar agora no estado español (tamén coñecido como a China do Mediterráneo).

Mariano Rajoy e o seu goberno neoliberal, covarde e traidor só buscan a súa propia salvación e, para ilo, pactan coa Casa das Sombras o sacrificio dos humanos asentados nos tecidos máis humildes e vulnerables. Baixaráselles un 10% o salario aos traballadores, recortase as pensións aos xubilados, privatizarase a sanidade e a educación ... e cando a fame e a enfermidade nos fagan débiles, chuparannos o sangue que nos quede.

Precisamos xa un Blade coa súa espada de aceiro, segando cabezas e liberando ao mundo desta praga de novos vampiros que xa son inmunes á luz do sol privatizado e que non se agochan de ninguén.


6 ago. 2013

Ouro Non!

Xa teño falado en máis dunha ocasión dos Folkgazais, a banda da Veiga que brillan co seu son moi coidado, cuns músicos de calidade contrastada e coa voz prodixiosa de Ruth Martín.

Desta vez quero incidir nun tema do seu segundo traballo discográfico, "Haiga", que leva por título "Ouro Non" e que foi escrito por Rocio Enríquez e Abel Pérez e musicado por este último.

"Ouro Non" pasa, ao meu parecer inxustamente, demasiado desapercibida en terras galegas. Aínda que se escribiu orixinalmente contra a mina de ouro de Tapia de Casariego (Asturies) e contra a empresa Asturgold, é todo un alegato contra a megaminaría que ameaza ao noso País. Sobre todo Corcoesto.

A letra di así:

Chegaron de fora
pra facer montes y moreas,
levarnos el prado
y deixarnos na cuneta.

Nun queremos ouro.
A millor das nosas medallas,
conservar ven os lagos
y verde el nosa aira

Ouro non, ouro non, ouro non
Quero a mía terra limpia
Asturgold go home.
Ouro non, ouro non, ouro non
Quero ver limpa a mía terra
Asturgold go home.

Chegaron de fora
pra facer montes y moreas,
levarnos el prado
y deixarnos na cuneta.

Quixeron meternos
el cianuro nas nosas venas
pra acabar con nosoutros
y fundirnos na miseria.

Ouro non, ouro non, ouro non
Quero a mía terra limpia
Asturgold go home.
Ouro non, ouro non, ouro non
Quero ver limpa a mía terra
Asturgold go home.

E a música soa así:




4 ago. 2013

O leasing, as vacas e a falta de memoria

O leasing, como xa sabe o persoal, é unha palabra inglesa que serve para definir un tipo de contrato de aluguer con dereito a compra. O ben alugado pode ser moble ou inmoble. Pode ser calquera cousa e utilizase para financiarse de xeito máis doado.

Leasing asociámolo enseguida a vehículos e equipación informática, por exemplo. Poren non exclúe absolutamente nada. Que a empresa catalá Cipsa Pecuaria alugue vacas usando este sistema pódelle parecer unha novidade a El Progreso mais só é descoñecemento dun pasado moi recente, cando menos na Mariña.

As "vacas postas" era unha práctica habitual non fai moito tempo. Caciques, gandeiros ricos, tratantes, ... deixaban en casas de gandeiros con menos recursos vacas no canto dun aluguer. "Poñíanche unha vaca". Isto xa era leasing, o que pasa é que aínda non sabiamos inglés.

2 ago. 2013

Negreira: aprendiz de colonizador

Agora máis ca nunca non nos merecemos políticos da catadura de Carlos Negreira.

Logo do acontecido na traxedia de Angrois quedou patente, ao meu parecer, a unidade deste pobo nos momentos máis difíciles. Chegou a hora de que galegos e galegas, con independencia da súa ideoloxía ou militancia política, reclamen para o noso pobo o que nos pertence por xustiza. Infraestruturas de primeira e non AVEs que non son tal. Redes de comunicación modernas que vertebren a comunidade e a comuniquen con Europa por terra, mar e aire.

Agora xa nos damos conta que non podemos aceptar as migallas con que nos obsequian desde Madrid. Indistintamente de que cada cal pense que este sitio dos galegos e das galegas ten que ser unha nación independente, unha autonomía con maior ou menor autogoberno ou unha rexión dependente do goberno central; temos que reafirmar a nosa condición de cidadáns de Primeira División.

Poren temos políticos de profesión, como Carlos Negreira, que non entenden nin entenderan xamais isto. Son mercenarios da política, non ao servizo do PPdeG, senón a salario do Partido Popular de Madrid. Novos virreis que cando atopan cadeira onde sentar intentan colonizarnos impoñéndonos a súa lingua e creando un conflito onde nin con Fraga houbo.

Presentar a Feira do Libro da Coruña en castelán e ao ritmo do himno español di pouco a favor de Negreira. Agás que é un bípede alonxado da realidade social galega, cada vez máis madura.