6 oct 2013

Ora pro nobis, paga Cospedal

Medidas como as tomadas pola sra. Cospedal no seu goberno express na comunidade de Castela A Mancha son de agradecer. Neste caso en concreto polo funcionariado autonómico. Poren non hai que esquecer que para o estado español, desde aquela mítica frase autonomista de "café para todo dios", o equilibrio e o reparto igualitario entre as distintas rexións e nacionalidades que o compoñen é unha prioridade estratéxica.

Baseándome nesa premisa considero que o sr. Nuñez Feijóo tamén debería permitir aos seus funcionarios padecer a misa en catedrais, basílicas, igrexas e capelas á conta do erario público.

Poren Galiza, xa o di a Constitución que propuxeron os franquistas e ratificaron os españois, é unha nacionalidade histórica e, polo tanto, correspóndelle ir un paso alén da rexión inventada gobernada, a momentos, pola sra. Cospedal.

Aquí entendo e comprendo que lles pague salario aos funcionarios católicos por ir á misa pero tamén aos que están fichados por calquera outra seita relixiosa para que acudan aos seus lugares de lamento respectivos.

A excepción, que ten que haber en toda regra ou cartabón, sería para agnósticos e/ou ateos aos que se lles pagaría por acudir as súas capelas de conciencia que, en moitos casos, coincidirían coa miña en calquera taberna do País.

No hay comentarios:

Publicar un comentario