10 nov. 2013

A roda segue a xirar

"Os filósofos limitáronse a interpretar o mundo de distintos xeitos; 
do que se trata é de transformalo"

Karl Marx

A pesar das continuas burlas da prensa occidental, Rajoy aínda se permite o luxo de afirmar que España chegará ás vindeiras lexislativas con crecemento sostíbel e creando emprego. En palabras súas: "España chegará mellor ás próximas eleccións".

Non sendo o meu oficio o de futurólogo, tampouco estou en condicións para quitarlle a ilusión. Poren unha cousa é España e outra moi distinta os cidadáns deste estado. Os datos obxectivos que coñecemos sobre pobreza e desemprego indícannos unha involución salvaxe no tecido social, un retroceso de tal magnitude que ten poucos referentes na historia.

Non se respondeu axeitadamente ao desafío radical do capitalismo financeiro e os fondos públicos destináronse ao rescate da banca, abandonando por completo a principal finalidade que tiña que ser a creación de emprego. Non se traballou arreo ollando cara a economía real senón que se fixo por cuestións ideolóxicas.

E como non se concibiu nada para arranxar a mal chamada crise, se cadra Rajoy ten razón, unha vez saneada a banca volverá a circular o crédito, estaremos un par de anos acariciando a gloria e caeremos outra vez no mesmo abismo sen remedio. E se cadra, a próxima, xa non sobrevivamos tantos.

O mal é endémico ao sistema. Non serven parches para saír a flote. Ou cambiamos o sistema ou afundimos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario