Nov 9, 2013

Galicia Confidencial: 10 anos de xornalismo heroico

"Foi un 28 de outubro de 2003 cando naceu este medio dixital. Daquela era o blog persoal do xornalista, e hoxe director do medio, Xurxo Salgado. Desde aquel primeiro post sobre as leas no Executivo de Fraga ata hoxe pasaron xa tres gobernos diferentes. Durante todos estes anos, xurdiron novos medios en galego e pecharon outros emblemáticos."

"En Nadal de 2009, o GC deu un salto cualitativo técnico e informativo e duplicou a súa audiencia. Hoxe, o GC é un dos medios de referencia de políticos, xornalistas, funcionarios, empresarios ou estudantes e é o xornal xeralista en galego máis lido e máis veterano na Rede. Tamén é o sexto xornal on line galego logo das edicións dixitais de La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo Gallego, La Opinión de A Coruña e o Grupo El Progreso, segundo o ranking de Alexa."

"Durante estes dez anos, as informacións de GC foron críticas cos poderes establecidos —Goberno de Fraga, bipartito ou Executivo de Feijóo—, pero “sempre co obxectivo de tentar que a honestidade e a transparencia rixan os códigos éticos dos nosos gobernantes políticos e económicos”. “A nosa intención non é buscar inimigos nin publicar informacións incómodas, senón dar a coñecer o que, como xornalistas, consideramos que os cidadáns libres deben coñecer”, segundo se recolle nos obxectivos xornalísticos do GC."

Texto: Galicia Confidencial
Viñeta: Hermanager para o Galicia Confidencial.



No comments:

Post a Comment